Thursday 02 de May de 2024

Catro funcións compoñen o cartel dunha nova edición da mostra de teatro afeccionado da Pobra


A Pobra do Caramiñal dedicaralle a metade do mes de xaneiro e a primeira semana de febreiro á mostra de teatro afeccionado que regresa ás táboas do Elma con catro novas pezas. Do mesmo xeito ca en anteriores ocasións, para facilita-la asistencia do público, as compañías subirán ás táboas ós domingos, ás 19.00 horas, e o acceso é de balde.
Este cartel constata, nas palabras da concelleira da Cultura, Patricia Lojo, “a aposta por teren cabida tamén compañías galegas que, se ben son de tipo amateur, gozan dunha gran vitalidade nas artes escénicas. Desta vez contaremos con tres asociacións culturais e un instituto.” Trátase dun ciclo que, novamente, chega coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
A programación arrancará no día 14 coa compañía de teatro e danza El Ruiseñor, de Culleredo, con Arsénico por compaixón. Esta peza leva á escena a historia dunha parella recentemente casada que inicia a súa lúa de mel e fai unha parada na casa duns familiares que, segundo despois descubrirán, practican unha caridade pouco ortodoxa: matan por compaixón as pobres almas desamparadas e solitarias deste mundo. Comeza así unha función hilarante e surrealista onde a diversión e a risa están aseguradas.
Xa no día 21 será a quenda de A casa da pantasma coxa, a cargo da Asociación Cultural Faíscas, de Arteixo. Unha casa con cuartos para turistas presenta unha peculiaridade para atraer visitantes: unha lenda que conta que no edificio vive unha pantasma coxa. A vida no inmoble familiar mesturarase coa chegada de persoas foráneas.
A Asociación Cultural Quemaisten Teatro, das Pontes, chega no día 28 con Sainetes, composicións breves ou longas, xeralmente nun acto e de temas humorísticos, que reflicten os costumes populares e que se representaban antigamente a continuación dunha sesión de teatro. Os aquí presentes son obra do dramaturgo contemporáneo José Cedena, con O parque de María Risa; Peporro o do porro e os seus amigos da segu; A consulta do doutor Melquiades; e Un palillo pal diente.
O cartel chegará á súa fin no 4 de febreiro con Luces, cámara… CAOS!, da man de Teatro das Maniotas, do IES Brión. Baixo a dirección de Ari Álvarez e Loly Santos, este novo proxecto adentrarase no frenético mundo da produción audiovisual, que descoñece o elenco, así que todo o parecido coa realidade será ficción.